Desde o pasado 1 de xullo e ata finais de mes, un equipo dirixido polo Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (Geaat) do campus de Ourense desenvolve unha nova intervención arqueolóxica na ‘cibdá’ romana ou castro de Armea para continuar afondando no coñecemento deste enclave do Concello de Allariz. Nos traballos realizados ata o de agora veñen de deixar ao descuberto unha posible zona produtiva, concretamente un lagar de viño.
Para coñecer o estado da intervención arqueolóxica, o xacemento foi visitado este mércores por Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense; Mª Cristina Cid, alcaldesa de Allariz; Susana Reboreda, decana da Facultade de Historia; Fermín Pérez, director do proxecto xunto a Adolfo Fernández, e Patricia Valle, directora dos traballos de campo. “É espectacular o resultado da colaboración entre o Concello de Allariz e o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Facultade de Historia”, salientou Esther de Blas durante a visita, na que agradeceu a confianza depositada polo órgano municipal na institución académica. Pola súa banda, Mª Cristina Cid destacou como este xacemento é unha demostración de como “a historia, ademais do propio patrimonio, se pode converter nun elemento económico moi importante”, lembrando o impacto turístico deste enclave no concello ourensán. A alcaldesa convidou ademais á Xunta de Galicia e á Deputación de Ourense a sumarse a “un proxecto tan ilusionante coma este” para poder avanzar máis rápido nas escavacións.