O 12 de maio terá lugar na Facultade de Historia de Ourense a segunda edición de Tendendo Pontes. Xornadas de intercambio de experiencias en innovación docente no Ensino Secundario e a Universidade. A primeira edición deste encontro celebrouse en 2019 e recupérase este curso despois de dous anos de interrupción por mor da pandemia.
O obxectivo principal deste proxecto é espertar a curiosidade polo pasado entre o alumnado de Educación Secundaria a partires do desenvolvemento de pequenos proxectos de investigación histórica. Nesta edición, os estudantes de 4º de ESO do CPR Padre Feijoo-Zorelle e a súa profesora, Beatriz Nieto Outumuro, escolleron traballar sobre tres temáticas de gran actualidade: “A guerra de Ucraína: de verdade rematara a Guerra Fría?”; “A Venezuela chavista na actualidade”; e “O conflito Israel-Palestina e a Guerra de Siria”.
Na última fase, o alumnado defende o seu traballo na Facultade de Historia de Ourense e recibe unha pequena masterclass a cargo do profesorado especialista. Nesta ocasión os elixidos son os profesores Luis Velasco Martínez e Pablo García Varela, que imparten a materia de Mundo Actual no Grao de Xeografía e Historia da devandita Facultade.