Durante o mes de xullo, o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo (GEAAT) realizou a súa décima campaña anual de intervención arqueolóxica no xacemento romano da Cibdá de Armea (Allariz, Ourense). Rematadas este venres as tarefas de escavación, os seus responsables realizan un balance moi positivo dos avances acadados, entre os que destacan a ampliación do xacemento en 200 novos metros escavados, a localización de estruturas de ocupación previa e a localización de numerosos retos materiais entre os que sobresae unha cabeza de pedra de figuración humana, previsiblemente do século I despois de Cristo, que supón un dos poucos vestixios do seu tipo localizados ata o momento en Galicia.
A intervención estivo financiada pola Consellaría de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia e polo Concello de Allariz no marco do convenio existente entre a entidade local e a Universidade de Vigo. Desenvolveuse ao longo de todo o mes de xullo e nela participaron membros do GEAAT, 30 estudantes en prácticas de titulacións afíns e procedentes de diferentes universidades estatais e persoal de apoio do concello. “O balance que facemos é moi bo. Conseguimos escavar todo o que estaba previsto e con bos resultados”, explica Adolfo Fernández, director do proxecto. A intervención, indica o arqueólogo, consistiu en ampliar o xacemento cara o seu lado leste, escavando nunha nova finca colindante adquirida este ano polo Concello de Allariz e que permite continuar descubrindo estruturas xa abertas parcialmente. Os traballos realizados, engade, amosaron de novo a potencia dun xacemento que “ten un estado de conservación case único en Galicia, xa que nel non houbo unha ocupación posterior da Cibdá que viñera a arrasar cos restos romanos, nin labores agrícolas que viñeran a danar a zona. Ao quedar abandona converteuse nunha fraga e por iso se conserva tan ben”.