O campus de Ourense abre as súas portas a arredor de 900 estudantes preuniversitarios

Este mércores e xoves o campus de Ourense abre as súas portas ao alumnado preuniversitario coa celebración da xornada Coñece o campus de Ourense. Nela, arredor de 900 rapazas e rapaces (450 cada un dos días) de Bacharelato de centros educativos da provincia e a súa contorna teñen a oportunidade de coñecer de primeira man as súas instalacións e as titulacións que nel se ofrecen.

A actividade, que dá continuidade a outras similares celebradas o pasado ano, está organizada pola Vicerreitoría do Campus de Ourense co apoio da Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade da Universidade de Vigo. A programación arrancou este mércores cunha benvida conxunta no edificio Politécnico. Nela, Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, agradeceu ao alumnado, profesorado e centros educativos asistentes o esforzo de achegarse a coñecer este campus.

O vicerreitor subliñoulle ao estudantado presente a oportunidade que lles ofrece esta xornada “non só de coñecer as nosas titulacións senón tamén as instalacións e os espazos onde se desenvolverá a vosa vida universitaria se finalmente escolledes estudar aquí no futuro”. Entre outros aspectos, entre os puntos fortes deste campus destacou “a súa excelencia en docencia e investigación”, apuntando o seu posicionamento en diferentes ránkings internacionais; os altos datos de empregabilidade das súas titulacións; a súa ubicación no centro da cidade; a calidade e diversidade da súa oferta cultural e deportiva e a súa internacionalización.

Das aulas aos laboratorios

A actividade continuou con visitas guiadas ás diferentes escolas e facultades do campus, tendo o alumnado que escoller entre realizar un itinerario polas titulacións do ámbito xurídico-social, humanidades e artes ou polas do eido de ciencias e enxeñaría, segundo a modalidade de Bacharelato que están cursando. Na actualidade, nas nove escolas e facultades do campus de Ourense impártense 16 títulos de grao, tres programas conxuntos de dobres graos, 15 mestrados e sete programas de doutoramento, superando a cifra de alumnado de 5000. O itinerario do ámbito xurídico-social, humanidades e artes permitiulle ao alumnado coñecer as facultades de Educación e Traballo Social; Historia; Ciencias Empresariais e Turismo; Dereito e Relacións Internacionais. O itinerario de ciencias e enxeñaría levounos á Escola Superior de Enxeñaría Informática; á Facultade de Ciencias; á Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e á Escola Universitaria de Enfermaría.

Nas visitas percorreron os seus edificios, coñecendo desde as súas aulas e laboratorios ata museos que albergan, da man de membros dos seus equipos decanais e directivos, que foron explicándolles todo tipo de cuestións referidas ás súas titulacións, actividades e saídas profesionais. Igualmente, en diferentes laboratorios as e os estudantes achegáronse ao traballo investigador que se realiza nas facultades e escolas ourensás, especialmente no caso da Facultade de Ciencias pero tamén en eidos como o espacial, a arqueoloxía e a intelixencia artificial. No seu percorrido tamén tiveron a oportunidade de coñecer o Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado pola Xunta de Galicia, e instalacións universitarias comúns, como as deportivas, a biblioteca e as zonas verdes.

O primeiro día de xornadas, este mércores, participaron os seguintes centros: IES Cosme López Rodríguez (A Rúa), IES Laxeiro (Lalín), IES A Pinguela (Monforte de Lemos), IES Allariz (Allariz) e os IES Eduardo Blanco Amor, IES Ferro Couselo e CPR Plurilingüe Santa María de Ourense. O xoves o campus abrirá as súas portas ao IES Xesús Taboada Chivite  (Verín), IES Carlos Casares (Viana do Bolo), IES Celanova Celso Emilio Ferreiro (Celanova), IES Manuel Chamoso Lamas (O Carballiño), IES Lagoa de Antela (Xinzo de Limia) e os IES 12 de Outubro, CPR Plurilingüe Santa Teresa de Jesús, Colegio Plurilingüe Divina Pastora e CPR Seminario Menor A Inmaculada de Ourense.

Ler a noticia completa no DUVI