A historia do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo arrancou no ano 2011 cunha axuda da institución académica para o fomento de agrupamentos estables. Unha década despois está formado por arredor de 34 investigadoras e investigadores das áreas de xeografía física, arqueoloxía, prehistoria e historia antiga e constitúe un dos grupos máis activos do campus de Ourense, destacando especialmente polo seu traballo na valorización do patrimonio natural e cultural da contorna. Co obxectivo de visibilizar as súas liñas de traballo e debater sobre o seu futuro, o GEAAT celebra do 18 ao 20 de novembro as súas segundas xornadas.
Na inauguración da cita, Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, destacou que este grupo é “un exemplo de bo traballo” e “de dinamismo, participación e colaboración”. Da súa actividade subliñou que “está moi ben orientada no contexto actual e no contexto da nosa provincia”, pois, indicou, “traballa no eido patrimonio natural e cultural, que son dous piares fundamentais de Ourense”. Neste senso, gabou aos membros do GEAAT presentes o feito de que o seu traballo “contribúe a pór en valor os recursos da nosa provincia”. Do mesmo xeito, Susana Reboreda, decana da Facultade de Historia, salientou que este grupo “partiu da nada e hoxe realmente ten un nome, ten un nome na Universidade, ten un nome na sociedade e ten un nome na contorna. E iso conséguese a base de traballo”. Por este motivo quixo, en nome do centro que dirixe, agradecer a todos os seus membros o seu “ tesón e empuxe”, pondo de relevo o seu esforzo en visibilizar a súa área de traballo.