Un ano máis o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo volverá a escavar este verán na cibdá romana de Armea, na parroquia ourensá de Santa Mariña de Augas Santas. Froito dun convenio de colaboración existente entre a institución académica e o Concello de Allariz e co apoio da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellaría de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense, a campaña arqueolóxica de 2023 desenvolverase durante a segunda quincena de xullo e a primeira de agosto.
O director do proxecto arqueolóxico de Armea continúa sendo Adolfo Fernández e a directora de campo Alba Rodríguez, completando o equipo da intervención outros membros do GEAAT e alumnado universitario en prácticas. A deste verán será a campaña arqueolóxica número 12 que se realizará neste enclave, “o que fai de Armea un dos proxectos máis lonxevos da arqueoloxía galega”, tal e como destacan os seus responsables. Segundo lembran, trátase dun xacemento único de orixe romana situado no Concello de Allariz, na provincia de Ourense, ocupado ex novo arredor do século I despois de Cristo e abandonado no III. O Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio leva desde o ano 2011 estudando este enclave, que destaca polo seu grao de conservación e o feito de estar nunha contorna rural, cunha campaña arqueolóxica cada verán. As intervencións anuais realizadas apuntan a que Armea foi “unha auténtica cidade romana” que suporía despois da cidade de Lugo o principal tecido urbano de época romana de Galicia.
Actuarase na parte leste do barrio da Atalaia
Nesta campaña 2023, explican desde o proxecto, actuarase na parte leste do barrio da Atalaia da cibdá de Armea. “O obxectivo principal é continuar exhumando estancias da chamada domus leste ou domus do tríscele, que se dispoñen arredor do patio central que foi atopado en campañas anteriores, así como recuperar estratrigrafías e materiais de zonas exteriores da domus norte ou do hexáscele”, sinalan. As escavacións anuais que se desenvolveron nesta zona coñecida como a Atalaia, lembran as e os arqueólogos da UVigo, teñen permitido sacar á luz estas grandes domus ou casas que se dispoñen arredor dunha rúa central empedrada e sobre as que se continuará investigando nesta campaña de verán. Igualmente, engaden, na campaña “buscarase recuperar niveis máis antigos á ocupación principal do barrio, que se data entre finais do século I e o século II despois de Cristo”.
“As intervencións na finca da Atalaia ocupan xa unha área duns 1600 metros cadrados, nos que se atoparon dúas rúas empedradas, tres casas e un patio. Estas casas teñen un área habitacional e outra produtiva que, por exemplo no caso da domus norte podería estar dedicada á elaboración do viño”, sinala o equipo do GEAAT. Durante as campañas realizadas, engaden, “recolléronse decenas de miles de fragmentos de obxectos tanto producidos na rexión como importados doutras zonas de Hispania ou mesmo de Galia e Italia”. Segundo explican, “a cultura material e os restos estruturais recuperados testemuñan a importancia de Armea en época antiga”. Na última campaña, a de 2022, detallan as e os arqueológos, “descubríronse novas estancias e o patio da domus leste, así como zonas exteriores vinculadas á domus norte, nas que se recolleron multitude de materiais, por ser empregadas como vertedoiro ou posible zona para gardar o gando en época antiga”. Logo da campaña de escavación, como en anteriores edicións, levaranse a cabo actuacións de conservación e restauro e tamén de musealización dos restos que aparezan.
Inscrición aberta para participar
A inscrición para participar nesta campaña arqueolóxica Armea 2023 está aberta ata o 30 de maio. A convocatoria está dirixida fundamentalmente a estudantes (de grao, mestrado e/ou doutoramento) de Historia, Arqueoloxía e disciplinas afíns, tendo prioridade na concesión os dous primeiros. A intervención desenvolverase en dúas quendas de escavación: a primeira do 17 ao 28 de xullo e a segunda do 31 de xullo ao 11 de agosto. Cada ano, o GEAAT recibe un elevado número de solicitudes procedentes de universidades non só galegas senón de toda a xeografía estatal para participar nestas campañas, debido, explican, á importancia do xacemento, ao enfoque de curso arqueolóxico destas prácticas e ás facilidades loxísticas ofrecidas ao alumnado participantes, entre outros aspectos.