Logo de comezar o pasado martes a décima campaña arqueolóxica de escavacións, a Cibdá de Armea recibiu este mediodía a visita do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e da alcaldesa de Allariz, Cristina Cid. Acompañados polo xefe de servizo da Área de arqueoloxía da Xunta de Galicia, Roberto Pena, o reitor e a alcaldesa coñeceron a través das explicacións do director das escavacións e vicedecano a Facultade de Historia do campus de Ourense, Adolfo Fernández, os traballos previstos ao longo deste mes de xullo, que comezaron coa limpeza da maleza, poda de árbores e retirada de milladoiros de pedra na zona onde se vai leva a cabo a nova escavación. “Nesta campaña espérase avanzar na zona leste do xacemento descubrindo unha nova casa da época romana (a domus do triscele), a continuidade dunha rúa e parte doutra gran casa coñecida como domus do hexascele”, lembrou Adolfo Fernández, que recordou que aos traballos arqueolóxicos vanlle seguir os de conservación e restauración, que procurarán protexer e poñer en valor os vestixios atopados durante esta campaña.
Durante a visita, o reitor da UVigo, agradeceu a colaboración do Concello de Allariz e destacou “a importancia do traballo que se estaba a desenvolver en Armea, para que a anos vista o xacemento quede a descuberto completamente”, resaltando o seu valor turístico, institucional e de coñecemento científico. Pola súa banda, a alcaldesa de Allariz lembrou que son moitos anos de colaboración entre o Concello e a Universidade, e ao que se uniu hai dous anos a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia. Cristina Cid avanzou que o Concello de Allariz xa está a traballar para adquirir novos terreos que permitan seguir escavando “e sacar á superficie máis segredos deste xacemento arqueolóxico tan importante”.
Mentres, Roberto Pena agradeceu que se contara coa participación da Dirección Xeral de Patrimonio nun proxecto tan ilusiónante e remarcou a importancia de que “os alumnos e alumnas de Arqueoloxía podan facer prácticas nun espazo como é o de Armea”.