Tres conferencias visibilizan o papel da muller en diferentes épocas

Cada cuadrimestre, entre as súas actividades a Facultade de Historia do campus de Ourense organiza unhas xornadas nas que achega ao seu alumnado do Grao en Xeografía e Historia contidos transversais ás diferentes áreas de coñecemento do centro. Neste contexto, este xoves celebrou a segunda edición das xornadas Mulleres no Tempo. Nelas, especialistas das universidades de Vigo, Santiago de Compostela e Complutense de Madrid abordaron temas de diversas épocas históricas pero que tiveron en común o seu enfoque centrado no papel da muller.  

A iniciativa deu continuidade ás xornadas celebradas no mes de abril co mesmo título. Se nesa ocasión os contidos corresponderon ás temáticas das áreas de Historia Moderna, Contemporánea e de América, nesta ocasión as protagonistas foron as de Historia Antiga, Prehistoria e Historia da Arte. A actividade, destacaron desde a súa  organización, permitiu “non só visibilizar temáticas transversais senón tamén liñas de investigación potentes e transversais da nosa facultade”, lembrando como neste centro hai “varias áreas que teñen como liñas de investigación prioritarias cuestións de xénero”.

De Atenas a Celtiberia

A programación arrancou cunha intervención titulada Diálogos femininos entre mulleres e deusas na antiga Atenas, ofrecida por Susana Reboreda, catedrática de Historia Antiga Universidade de Vigo. Na súa conferencia explicou “como as mulleres na antigüidade grega, na época clásica, estableceron un culto con divindades femininas co obxectivo de cumprir as funcións que a sociedade lle tiña asignado: basicamente ser nai”. O matrimonio, detallou, tamén era “importante pero como un paso cara a maternidade lexítima; o máis importante era concibir cidadáns para que o sistema político, social e patriarcal puidese continuar”.

Este culto, comentou a historiadora da UVigo, “tiña como dúas vertentes: unha privada, que tiña lugar no fogar, e outra pública, que se desenvolvía no santuario”. Esta segunda, engadiu, permitíalle ás mulleres “rachar un pouco coa rutina”, recalcando que “non é certo que as mulleres gregas na época clásica, na polis, estiveran metidas todo o día no fogar”. O sistema relixioso, sinalou Susana Reboreda, “que estaba moi imbricado coa vida cívica”, facilitáballes esa saída, citando como exemplo que nun culto a Deméter, deusa da fertilidade, as mulleres estaban tres días fóra da casa para a súa realización.

Mulleres no Tempo II seguiu cunha conferencia sobre a imaxe da muller, concretamente a súa indumentaria, na Idade Media, a cargo de Mónica Rey, da Universidade de Santiago de Compostela, e outra sobre Mulleres, infancia e arqueoloxía na Celtiberia, con Raquel Liceras, da Universidad Complutense de Madrid.

Ler a noticia completa no DUVI