A emigración a Arxentina protagoniza un destacado capítulo na historia dos últimos séculos de Galicia. Ela foi tamén a protagonista este mércores na Facultade de Historia do campus de Ourense dunha conferencia ofrecida por Ruy Farías, historiador e profesor da Universidad Nacional de San Martín de Bos Aires. Ao longo da súa intervención, o relator explicou ao público asistente a cronoloxía e principais características deste fenómeno.
A conferencia levou por título A ‘quinta provincia’: dous séculos e medio de migracións e exilios galegos na Arxentina e estivo organizada pola Área de Historia de América da Universidade de Vigo. Na súa presentación, o coordinador da actividade o profesor da UVigo Xosé Ramón Campos, salientou que o relator, membro do Laboratorio de Investigación en Ciencias Humanas e do Consejo Nacional de Investigaciones Científicas y Técnicas, é tamén co-director da Cátedra Galicia-América, dedicada á cultura galega, e conta cunha dilatada traxectoria de investigación no eido da emigración galega en Arxentina, sendo autor de máis de 30 artigos nesta temática e autor e co-autor de varios libros. “O meu obxectivo nesta conferencia é ofrecer unha ollada de conxunto da presencia da emigración galega en Arxentina, principalmente durante os dous últimos séculos e medio, facendo unha cronoloxía da súa chegada, das causas polas que os galegos deixaron este país e dos sectores máis importantes da súa integración no territorio, é dicir, onde viviron, en que traballaron, con quen casaron, que tipo de institucións crearon, etc”, explicou o historiador antes da súa intervención.