A muller na antigüidade: perspectivas e reflexións. Con este título preséntase unha xornada organizada desde a Área de Historia Antiga da Universidade de Vigo que ten como obxectivo principal dar a coñecer e visibilizar o papel da muller na antigüidade.
A cita, que terá lugar o 1 de outubro na Facultade de Historia do campus de Ourense, está organizada polas profesoras deste centro Susana Reboreda e Iria Souto, que comparten o seu compromiso coa abordaxe da temática de xénero nas súas áreas de estudo e que no caso de Susana Reboreda se materializa na participación en proxectos de investigación competitivos tanto estatais como europeos sobre esta cuestión. Aínda que especialmente pensada para o alumnado do Grao en Xeografía e Historia que se imparte nesta facultade, a actividade é aberta e de balde para todas as persoas interesadas.