O día 22 de maio estaba previsto que o campus de Ourense acollese a III Olimpíada Galega de Historia, organizada pola Facultade de Historia co obxectivo de fomentar a paixón polo coñecemento do pasado entre os máis novos e novas. Debido ao actual contexto educativo derivado da loita contra a COVID-19, a organización anula a súa celebración presencial e aposta pola súa realización virtual.
Segundo explica Susana Reboreda, decana da Facultade de Historia, “dado que resulta impensable que a olimpíada se desenvolva tal e como a concibimos cando fixemos a convocatoria, decidimos lanzar un novo proxecto que consiste en levala a cabo desde a casa, en consonancia coas actividades que está realizando a Universidade de Vigo” nesta etapa de confinamento. Na anterior edición, lembra, “parte do evento xa se realizou a través da plataforma kahoot, mentres que a semifinal e a final fixéronse dun xeito máis tradicional”, é dicir, presencialmente nun día de competición que tivo lugar nas instalacións do campus de Ourense. Tendo en conta esta experiencia, a proposta xa lanzada aos centros educativos é “que toda a actividade da olimpíada se realice a través da plataforma virtual”.