Exposición: Rolando 2:15-2:45. 50 anos da primeira masacre de ETA

O 13 de setembro de 1974, ás 14.30 horas, unha potente bomba reforzada con metralla explotou no salón comedor da cafetaría Rolando, ao carón da Puerta del Sol, en Madrid. Ese día morreron 11 persoas e máis de 70 resultaron feridas, sendo o balance final de 13 vítimas mortais. Trátase do considerado como primeiro atentado masivo da banda terrorista ETA. Cando se compre medio século destes feitos, o campus de Ourense acolle a exposición Rolando 2:15-2:45. 50 anos da primeira masacre de ETA.

A mostra é unha iniciativa do Centro Memorial de Vítimas do Terrorismo, sendo os seus comisarios Gaizka Fernández (responsable da Área de Arquivo, Investigación e Documentación deste centro); Ana Escauriaza (investigadora da Universidade de Navarra) e, por parte da Universidade de Vigo Julio Prada (decano da Facultade de Historia) e o investigador Pablo García, historiador especialista nesta banda terrorista.

Dar a coñecer e dignificar

Sobre a importancia dos feitos plasmados na mostra, Julio Prada salientou este luns na inauguración da exposición que o sucedido na cafetaría Rolando supuxo “o primeiro atentado masivo e indiscriminado da longa historia de ETA, aínda que a banda terrorista negou a súa participación e culpou do mesmo á ultradereita e ao réxime franquista e non recoñecería a súa responsabilidade ata 2018”. Ademais dos feitos, o decano da Facultade de Historia recalcou entre os valores desta iniciativa o feito de que “intenta visibilizar a vida cotiá das vítimas”, lembrando a premisa de que “as vítimas, neste caso do terrorismo, merecen verdade, xustiza e reparación”.

Pablo García subliñou pola súa banda como o de Rolando  “é un caso moi ben documentado: hai moita documentación, moitas imaxes, moito traballo de arquivo ao seu redor, dosieres policiais, etc”. Grazas a estes materiais, apuntou como a exposición, ademais de contribuír a “dignificar as  vítimas” permite “dar a coñecer tanto como era o propio terrorismo como as súas consecuencias”. Por último, Francisco Javier Rodriguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense, salientou a importancia de, como sociedade, “saber ben de onde vimos, onde estamos e cara onde queremos ir” e neste senso lembrou que “a paz que temos agora foi unha loita de moitos anos e que tivo moitas vítimas” e “é importante que tamén as novas xeracións o saiban”.

Información e testemuños

A exposición está estruturada en 22 paneis (con códigos QR que achegan máis información) e neles intercálanse os diferentes fitos do atentado coa historia persoal das 13 vítimas mortais, entre elas dúas de orixe galego: os coruñeses Baldomero Barral, de 24 anos, e a súa dona, María Josefina Pérez, de 21 anos, que se atopaban de visita na capital do estado. Tamén se reserva un espazo para lembrar a actuación de todas aquelas persoas que arriscaron a súa vida para axudar aos afectados, dende veciños anónimos e empregados dos establecementos afectados ata bombeiros, policías, sanitarios e taxistas, “cuxa intervención foi decisiva para que o número de vítimas non fose aínda maior”. Tras o seu paso por diferentes cidades, a mostra Rolando 2:15-2:45 (que toma o seu nome dunha anotación previa da banda sobre o atentado localizada polos corpos de seguridade) pode visitarse o vindeiro 18 de outubro na entrada do Edificio de Ferro do campus.

A0_Vigo_Rolando_ok