Catro olladas á pobreza e á muller na antigüidade

A relación entre a pobreza e a muller na antigüidade centraron este venres a cuarta edición das xornadas Olladas á antigüidade, celebrada na Facultade de Historia do campus de Ourense. A través de catro conferencias, o público asistente, maioritariamente alumnado, tivo a oportunidade de achegarse a esta temática nas principais culturas da historia antiga, é dicir: Próximo Oriente, Exipto, Grecia e Roma.

A iniciativa foi inaugurada por Julio Prada, decano da Facultade de Historia; Susana Reboreda, directora da xornada e vicerreitora de Extensión Universitaria da UVigo, e Iria Souto, coordinadora da actividade. Estivo especialmente dirixida ao alumnado do Grao en Xeografía e Historia e do Programa Conxunto dos graos de Turismo e Xeografía e Historia pero tamén se abriu á asistencia de persoas interesadas da comunidade universitaria e de fóra dela. O seu obxectivo foi dar a coñecer os estudos actuais sobre a posición da muller en situacións de pobreza no mundo antigo levados a cabo por destacados especialistas na temática abordada e procedentes de diferentes universidades estatais. A xornada foi financiada pola Unidade de Igualdade da UVigo, no marco das actividades docentes que promoven a perspectiva de xénero nesta institución, e incluída no marco do proxecto de I+D+i do Ministerio de Ciencia e Innovación Vulnerabilidade Intrafamiliar e Política no Mundo Antigo.

Coñecer e revisar conceptos

Coas catro conferencias realizadas, a organización quixo aproximar o público asistente “ao concepto de pobreza no mundo antigo: que se consideraba pobreza e as situacións de vulnerabilidade derivadas” e tamén presentar a descrición, análise e interpretación, a través de fontes antigas, de diferentes situacións de mulleres que experimentaban esta pobreza e vulnerabilidade. A xornada tamén quixo contribuír a “revisar o debate existente arredor da pobreza feminina no mundo antigo e establecer paralelismos coa pobreza das mulleres na actualidade” e facer partícipe ao estudantado da importancia destes estudos “non só para reconstruír e achegarnos ao pasado, senón para reflexionar sobre situacións actuais e construír un mellor futuro”. Por último, o encontro tamén permitiu “fortalecer os vínculos nos estudos de xénero no mundo antigo que están proliferando na actualidade”.

A programación arrancou cunha conferencia sobre as nenas en contextos de crise no Próximo Oriente antigo, a cargo de Daniel Justel, da Universidad de Alcalá de Henares. Seguiulle outra sobre a viúva nos Textos Sapienciales, de Núria Castellano, da Universidade de Barcelona e membro do proxecto Oxirrinco. Para falar da aristocracia, servidume e pobreza na Antiga Grecia e das mulleres como prisioneiras do seu status estivo María Vanesa Mariño, doutora pola Universidade de Santiago de Compostela. Pechou a actividade unha intervención de Helena López, da UVigo, sobre as mulleres e a pobreza na Antiga Roma.

Ler a noticia completa no DUVI