Desde o pasado 8 de xullo un equipo da Universidade de Vigo realiza a primeira intervención arqueolóxica no castelo de Lobarzán ou castro das Laxes das Chás, nos concellos ourensáns de Oímbra e Monterrei. Os primeiros traballos realizados no xacemento están dando, segundo os seus responsables, moi bos resultados, “mudando completamente a perspectiva que tiñamos da dimensión do castelo e da súa configuración”.
O xacemento foi visitado este martes por Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense; Ana María Villarino, alcaldesa de Oímbra; Marina Salgado, concelleira de Monterrei; Susana Reboreda, decana da Facultade de Historia; Beatriz Comendador, directora do proxecto, e Victor Rodríguez, director do traballo de campo. A intervención, lembrouse na visita, xorde no marco dun convenio de colaboración asinado o pasado mes de abril entre a Universidade de Vigo e os concellos ourensáns de Oímbra e Monterrei para a realización de diversas actividades de recuperación patrimonial, paisaxística e etnográfica da área arqueolóxica do castelo de Lobarzán e a súa contorna a cargo de membros do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (Geaat) da Universidade de Vigo. O proxecto conta para a súa realización cunha subvención Leader do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia (GDR O9 Asociación Monteval), sendo o orzamento total de 46.222 euros concedido a ambos concellos.